sábado, 28 de julio de 2007

Vaguidades


Hoxe foi un día, gris, soleado, e cheo de pensamentos. Mentres facía compras que me acompañarán durante vinte días por terras inglesas, cavilaba en moitas cousas de difusa percepción. Persoas, xente, alguén en particular, si, alguén. Non sei ben quen, ou si, pero pouco a pouco a ferida cicatriza converténdose nunha boa lembranza, das mellores que terei, sen dúbida. Un soño, pois realidade non foi; un pensamento, aquilo que quizais cheguei a pensar, pero en todo caso plans inventados nun mundo ficticio que nunca ocorreu, pero que tivo consecuencias. Estas vaguidades acompáñanme agora a poucos días de marchar, non sei se por morriña anticipada, tamén inventada no meu mundo...non o sei. Pero pensamentos, que ó fin e ó cabo, axúdanme a explicar o que me rodea, o que penso e aquilo que pasará. Grazas a ese alguén que me axudou, e me axudará, non sei ben quen, pero seguro que alguén. Estes son os meus pensamentos que reconvertidos en vaguidades escapan pola fiestra para perderse polas olladas daqueles que , aínda que pucos, ledes as miñas cavilacións. Grazas

lunes, 23 de julio de 2007

Apóstolo. Queima da fachada.

Mañán, hoxe ou onte (segundo o vexas) é, para min e para moitos o mellor da festa do Apóstolo, a queima da fachada gótica. Durante todo o día hai actividades e concertos que fan desta data as máis festeira de todas. Ás doce da mañán os máis tradicionais poderán gozar de animación de rúa, grupos de gaiteiros e do encontro de xigantes e cabezudos que terá lugar na Praza da Quintana, rematando a xornada matinal cunha sesión de pirotecnia entre o Cabido e o Concello.
Como cada tarde,e durante todo o mes, os pequenos seguen a ter á súa disposición a ferradura compostelán para xogar e pasalo en grande nas actividades que se lles ofrecen dende ás 18:00 ata ás 21:00. Ademais xa poderán gozar das atraccións que xa están listas para afrontar estas semanas festeiras dos santiagueses: noria, salta-montes, casa do medo...son algúns dos postos que poderemos ver.Pero a verdadeira festa comeza ás 23:30, onde a Praza do Obradoiro encherase dun extraordianario espectáculo de luz e son, coa mirada creativa de Manuel Coronado e Antonio Caballer. Fogos de artificios, imaxes, música...convertirán a praza compostelán nun emocionante campo de batalla pirotécnico. Unha vez se queime a fachada, a música filtrarase polas rúas da cidade con distintos concertos e actuacións. Ás 24:00 a Praza da Quintana recibirá de balde ó grupo Orishas. Á mesma hora, pero no paseo central da alameda de Santiago, a orquestra Lamas versionará as mellores cancións para divertimento de mozos e maiores.Para rematar, e na praza do Toural, o grupo The Ellas, liderado polo tamén actor Luís Tosar,dentro do Compostela Festival, fará unha homenaxe musical ás mellores cancións que as mulleres levaron ó máis alto. Pasade un bo día e que a auga non vos pare os pés.

jueves, 19 de julio de 2007

Vai de Cine. Manhattan;Curtocircuíto07.


Como cada xoves durante estes meses de verán as rúas de Santiago convértense en salas de cine para gozar dos mellores filmes. Hoxe temos dúas ofertas, unha no CGAC e outra na praza de Praterías.
A primeira delas vai dirixida a aqueles que lles gusta o cine e sobre todo ese cineasta tan particular como o é Woody Allen. A película que o o museo expón é Manhattan, unha homenaxe que o americano fai a Nova York. O filme é unha experimentación no branco e negro e unha máxima preocupación pola fotografía. Así, o director afirma: "Sinto verdadeira paixón e unha gran devoción cara a cidade de Nova York e penso que no filme vese da forma máis fermosa que se viu xamais no cine. Coidamos moito a fotografía e penso que é realmente impresionante".
A historia conta a vida dun escritor divorciado que aínda saíndo cunha rapaciña namórase da amante do seu amigo, unha muller da súa idade. Se queredes descubrir máis, e abofé que o hai, ide hoxe ás 22:30 ó CGAC, en caso de que o tempo non acompañe o filme mostrarase no museo do Pobo Galego.
Para aqueles que vos gusten os novos cineastas tendes á vosa disposición Curtocircuito 07, este xoves na Praza das Praterías a partir das 22:30. Hoxe mostraranse os mellores talentos de Sudamérica na creación de curtametraxes e microfilmes. As obras son de Costa Rica, México, Arxentina, Uruguai e Brasil. Os argumentos bailan entre o medo, a risa e o drama. Pasade unha boa noite de cine. Eu son dos de Woody, e ti?

lunes, 16 de julio de 2007

Apóstolo. Baile nas rúas.

Hoxe, luns, continúa a festa en santiago quentando folgos para a queima da fachada a noite do 24. Hoxe pola tarde os rapaces poderán seguir disfrutando das actividades manuais e deportivas que durante este mes a ferradura vai ofrecer a tólolos cativos e mozos composteláns. O horario é de 18:00 a 21:00 H.
Pero a noite deixa paso ós maiores para disfrutar dos mellores ritmos caribeños e os mellores mestres para aprender a bailar salsa, bachata, capoeira, merengue, cumbia... A partir das 20.30 e até as 3:00 da noite poderemos ver e compartir bailes con auténticos profesionais dos bailes de salón, na especialidade de latino. A aqueles que sexades verdaderiros patos para isto do baile sempre podedes disfrutar destes mestres dos ritmos caribeños.
Para os máis enxebres e gustosos de ver arte en movemento recoméndolles as xornadas de folclore que a partir das 22:00 ofrecerán na praza da Quintana. Os grupos que amenizarán ós que se acheguen á praza serán:


Ultreia (Santiago)
Bilitroque (Carballo)
Trompos os pés (Marín)
Colexiata do sar (Santiago)

Para rematar as xornadas de hoxe xun bo son, a música tradicional toma a praza do Toural da man de Pradoiro. Disfrutade a tarde.

sábado, 14 de julio de 2007

Apóstolo. Dous paxaros dun tiro.


(A foto que se mostra é de A.Hernández, extraída de www.elcorreogallego.es)
Onte quedaron inauguradas as nosas festas do Apóstolo. Con puntualidade británica a actriz Isabel Blanco daba a benvida ás semanas cheas de actividades e actuacións que nos esperan. Facendo un percorrido pola súa vida en paralelo á praza do obradoiro, e visiblemente emocionada, deu paso ó que sería o concerto "apertura" do Apóstolo 2007. A cantante Soraya deu mostra da súa calidade vocal e en pouco tempo fixo que tódolos que se achegaron onte á praza do Obradoiro bailasen como se unha máquina do tempo os levase ós oitenta de novo. A cantante alternou cancións lentas, as menos, e as máis movidas dos seus discos, o que fixo que a xente bailase como se a praza santiaguesa se tratase dunha discoteca.
Hoxe cambia o estilo. Joan Manuel Serrat e Joaquín Sabina darán o seu concerto en santiago dentro da súa xira "Dos pájaros de un tiro". As portas de acceso de Fonseca e San Francisco quedarán abertas a partir das 20:30 e agárdase que a duración sexa aproximadamente de dúas horas e media (el correo gallego). Os que non sexan de Serrat nin de Sabina, ou simplemente non teñan cartos para pagar a entrada, poden ir de balde a inauguración de Noites na Alameda. Alí os ritmos caribeños farán da ferradura unha pista de baile ata as 3:00 da mañán.


MAÑÁN
- 12:00. Concerto da Banda Municipal de Santiago; Rúa do Vilar.
- 20:30-3:00. Noites na Alameda.
- 22:00. Folclore Galego; Praza da Quintana.
- 23:00. Mama Boogie; Praza do Toural.

viernes, 13 de julio de 2007

Festas Apóstolo 2007


A partir de hoxe e até o 31 de xullo tentarei informarvos das distintas actividades que teremos tódolos días durante as festas do Apóstolo. Este ano o concello contou cun orzamento de máis de 600.000 euros que cubrirán as festas durante os vindeiros 19 días.
Durante tres semanas poderemos disfrutar de concertos como os de Joan Manuel Serrat e Joaquín Sabina ou o de Fito&Fitipaldis e Andrés Calamaro. Entre outros, tamén destacan os de Soraya, Julieta Venegas, Orishas ou Estrella Morente, sen esquecer as "Noites na Alameda", onde mestres de baile ou capoeira, xunto con grupos brasileiros ou cubanos, levarán a emblemática ferradura ó continente americano. Unha ferradura que, como tódolos anos, abre as portas ós pequenos para entretelos tódalas tardes en Ferradura Aberta. Día a día mostrareivos aquí as actuacións e acitividades máis descadas que comezan hoxe co pregón.
Este ano o pregón recae nas mans da actriz galega Isabel Blanco, coñecida en Galicia por series como a exitosa Mareas Vivas ou a, non menos coñecida, Rías Baixas. No resto da península deuse a coñecer por traballos como Un franco, catorce pesetas ou O lapis do carpinteiro. O seu último traballo televisivo foi Manolo y Benito Corporeison, en Antena 3. A actriz dará a benvida ás festas composteláns a partir das 23:00 na praza do Obradoiro, onde xa está todo preparado para escoitar posteriormente grandes éxitos dos oitenta da man da cantante Soraya.
A terceira finalista da 4º edición de Operación triunfo, en Telecinco, dará un concerto fronte a Catedral santiaguesa lembrando os éxitos que soaron durante os anos oitenta, recopilación que podemos atopar no seu último disco "Ochenta´s". Entre os temas que soaran estarán algúns tan coñecidos como Because the night, de Patti Smith, Face to Face, de The Twins ou Just can´t get enough, de Despeche Mode.
Tamén soarán os singles até o de agora do álbum, Self Control e Call me, entre outros. O seu primeiro disco, "Corazón de Fuego", tamén terá un oco no esceario compostelán. O concerto comezará ás 23:30.

MAÑÁN
- 20:30. Inauguración de Noites na Alameda.
- 22:30. Concerto de Joan Manuel Serrat e Joaquín Sabina no Obradoiro.

lunes, 9 de julio de 2007

Vai de Cine. Morte na Venecia.


Durante os meses de xullo e agosto, tódolos xoves a partir das 22:30 haberá un ciclo de cine ó aire libre no CGAC (Centro galego de arte contemporáneo). Este mes está adicado á importancia da iluminación e como esta axuda á comprensión dos filmes. O mes seguinte estará adicado ós musicais, un xénero que actualmente goza de boa saúde.
Hoxe centrareime na película desta semana, Morte na Venecia. O seu director, Luchino Visconti, fai unha adaptación da obra homónima de Thomas Mann, na que con escrupulosa exactitude plasma a esencia do libro. Deste xeito o filme carece prácticamente de diálogos o que fai que a fotografía e iluminación xoguen un papel fundamental para expresar as descripcións minuciosas que o premio Nobel de 1929 fai na súa novela. Aínda que na adaptación hai certos cambios iso non modifica a historia principal.
A acción ten lugar en Venecia, onde o compositor Von Aschenbach (poeta no libro) síntese atraído por un mozo adolescente. Este capricho sentimental leva ó tamén profesor, a unha decadencia psicolóxica que se transforma en física co contaxio da peste.
O filme está cheo de simbolixía que enriquece moito máis a acción principal e fai que cada aceno, ou imaxe cobren un valor moi superior ó que, a cotío, podemos divisar. Unha obra, pois, que recomendo a todos e todas pola súa singularidade estética e narrativa.

En caso de que o tempo non acompañe a película mostrarase no museo do Pobo Galego.

domingo, 1 de julio de 2007

Comezando o meu camiño


Hoxe comezo este blog, esta fiestra baldeira onde vos ensinarei parte do que son. Xa fai un ano dende que vin por primeira vez a frecha amarela que me ensinaba o camiño a casa, a Santiago de Compostela. Eramos cinco os que comezamos esa viaxe e cinco, por sorte, os que a rematamos. Comezou a viaxe no tren entre revistas de dubidosa calidade que falaban non sei ben de que. As vías achegáronnos a Sarria, onde comezaría a nosa pequena andadura cara Compostela. As frechas amarelas e as sombras dos camiñantes guiáronnos no camiño mentres nos coñeciamos polo miúdo. Pasaron os días ata chegar cansos a aquela cidade de sobra coñecida para nós. Neses días pasaron moitas cousas que pouco a pouco vos mostrarei nesta, xa rematada, fiestra baldeira.