sábado, 15 de septiembre de 2007

Libros publicados na memoria


Alí a estaba. Mergullado no meu mundo, case nin me decatara da presenza daquela muller que non deixaba de observarme, de mirarme, de analizarme coa máis descarada das olladas. A súa figura quedaba resaltada pola luz da tardiña que lle iluminaba as costas para deixar na máis absoluta das penumbras a súa face, onde se podían distinguir dous verdes ollos que, a cada minuto, intimidábanme dun xeito pueril e recachado que facían dos meus 50 anos un rexurdimento da adolescencia.
Os seus ollos seguían a acosarme e a facerme cavilar no máis divertido dos pecados capitais, aínda que a súa expresión de noxo pronto me facía esquecer esas ilusións que por momentos medraban no meu interior. O seu aspecto, recatado pero provocativo á vez, facía que unha simple saia se convertese nun xoguete erótico enredado entre as súas extremidades. Uns zapatos vermellos, que se tentaban cravar naquel chan centenario de pedra, e unha blusa que pouco disimulaba as súas curvas, en principio naturais, facían dela unha muller perigosamente atractiva que, por momentos, me estaban a apartar daquela fila que esperaba entrar ó teatro.
De súpeto, un sorriso na súa cara volveu a formar as miñas, xa esquecidas, ilusións e a prepararme psicoloxicamente para a proposición que aquela muller, que camiñaba cara min, estaba a punto de facerme. Acercouse balanceando aquel corpo debuxado nas curvas e cando chegou á miña altura, sen desviar aquel ollar verdoso que me estaba a vixiar dende facía, ó meu parecer, unha eternidade, acariciou a miña meixela e asubiándome ó oído, díxome: “ Non esquezas pechar a cremalleira antes de saír da casa, que é de mal gusto”. O meu instinto masculino, se é que existira nalgunha ocasión, veuse abaixo e as millas ilusións, postas naquela muller, tornaron en mofa nas verbas do seu mozo que, fóra da miña perspectiva en toda a noite, estaba a rirse de min descaradamente e a coller a súa moza como un trofeo que eu nunca podería conseguir.



Cuestión de Perspectiva, Fiestrabaldeira (2007)

jueves, 6 de septiembre de 2007

GRAZAS

Non fai moito escribín, noutros dos moitos recunchos que gardo nesta rede, os meus sentimentos, os meus pensamentos arredor desta viaxe....e a miña palabra era medo. Medo daquilo que está por vir, aquilo que compensará a balanza de todo o bo que vivín. 20 días que permanecerán estancados nas miñas retinas para poder reciclalos neses momentos baixos que un intenta esquecer o máis rapidamente posible. Non nomearei a ninguén, todos foron importantes, e polo tanto non quero deixar a ningún no meu tinteiro electrónico. Só dicir grazas por uns días que me darán forzas para o resto da miña vida.
A canción que acompaña estas fotos cantouna un anxo no Howard.Penso que aínda me estremezo de pensalo.Moitos bikos a tod@s. Atalogo, hastaluego, see you... pero sobre todo GRAZAS.