jueves, 13 de marzo de 2008

Encantado de coñecerte

A primeira vez que falei con el foi un mércores ás oito da tarde. Santiago estaba a sufrir un frío que calaba nos ósos e que deixaba baleiras de transeúntes as prazas máis concorridas da cidade. Levaba unhas cantas horas tentando ver a aquel home que coñecera a través da caixa parva unha tarde de domingo, pero esvaecérase por completo. Non me quedaba ningún recuncho da súa casa por pescudar, ningún corredor de pedra polo que perderme, así que decidín marchar.

A costume levoume pola Acibechería ata chegar a Cervantes. Alí o estaba, era Nardo. Sentado nunhas escaleiras, xa coñecidas para el, e acompañado por un home e unha muller, ademais daquel can marrón que durmía entre as engurras dunha chaqueta vella e un cartón de viño a medio beber. Non era capaz de falarlle. Un sentimento de culpabilidade impedíame molestalo para, ademais, falar da súa propia vida. Así que, seguín adiante. Pouco durou o traxecto xa que nun arrebato de inconsciencia fun onda el e comenteille o que quería facer: amosar a súa vida. Levantouse e amarrándome do ombro entretívome uns minutos antes de concretar a cita do día seguinte. Ás catro da tarde na praza de Cervantes.

Aquel xoves semellaba bo. O frío de días pasados víase solapado por un ceo despexado que, enganosamente, non invitaba a abrigarse entre unhas rúas que xa volveran a recuperar a actividade á que me tiñan acostumado. Nardo xa estaba a esperar por min. Selva, a súa cadela, recibíame cunhas lambedelas ó aire que contrastaban cos ladridos que me ofrecera a noite anterior. Comezamos a camiñar.

Nun primeiro momento sorprendeume a súa disposición a falar, a compartir a súa vida. Logo me decatei de que esa espontaneidade era un mecanismo máis para afastarse dun mundo que enganchaba pero que tiña efectos secundarios. Nardo dicíame que o día a día na rúa “é como unha moviola, o luns, o martes, o mércores...todo é un” pero eu non o quería crer, enganábame. Pronto me decatei de que estabamos a seguir un camiño xa planeado de antemán que para el era máis que coñecido: Cervantes, Rúa de San Pedro, Concheiros, Avenida de Lugo e volta cara atrás. Así un día tras outro, sen cambios. Pero para min todo era novo. Nardo non deixaba de preocuparse polos meus pensamentos, polo que estaba a sentir vendo todo aquilo, pero eu estaba ben. Sentíame ben a carón daquel home que coñecera un día antes. As súas marcadas faccións e as súas mans gastadas facíanme saber que era un home con personalidade e caracter que ó mesmo tempo achegaba confianza.

O noso percorrido remataría xusto 24 horas despois de coñecernos por primeira vez. Aquela tarde que presumía estar reservada para descubrir a vida de Leonardo Caamaño convertérase, ademais, nun exercicio de relacións públicas, nunca mellor dito ó realizarse en plena rúa. Nardo é un home peculiar, afable e desa xente que sempre cae ben a todo o mundo, polo que o meu abano de novos coñecidos medrou de maneira considerable: dende Chelo (unha das integrantes da cruz vermella que o está a axudar) ata Juan (un dos coñecidos de Nardo que tamén vive na rúa).

Sería el, Juan, quen me resumiría toda unha tarde con Nardo a través duns versos que me recitou: “Nace o home sen saber no mundo a verdade, cando chega a comprendela, vaise á eternidade para nunca máis volver”. A verdade da rúa non se pode comprender dende fóra hai que vivila dende dentro e Nardo leva moitos anos enganchado a ela, sen poder saír. Aínda así, quedarei co seu sentido do humor e unha retranca que nunca perde, que a estas horas, agora mesmo, de seguro lle están a facer compaña polas rúas santiaguesas.

Esta entrada é o resumo de todo unha tarde coñecendo a alguén que me abriu os ollos fronte a un mundo que non era capaz de ver. A entrevista que a completa está chea de ausencias que só poden ser compensadas polas palabras dese mariñeiro que agora navega polos afluentes pedregosos de Santiago.

1 comentario:

Nucky dijo...

A entrevista moi boa. Que rápido medras que xa estás feito todo un xornalista!!*^ ^*